Esta tarde acudimos á Oficina de Correos na praza de Compostela para presentar a tirada de 6.000 postais da camapaña #AlumeandoAMiseria. En correos enviamos as postais á Valedora do Pobo e ao Defensor del Pueblo na procura da defensa de dereitos básicos que en Vigo non son protexidos.
Logo de facer a entrega fomos até Príncipe para entregar centos de postais á cidadanía viguesa.
No acto limos o seguinte texto:
Hai tempo que se vén denunciando a pésima política social exercida polo actual equipo de goberno do Concello de Vigo, así como dos que lle precederon.
Dita denuncia responde a unha insuficiencia nas partidas económicas incapaces de cubrir as necesidades básicas dunha poboación de vez máis empobrecida; á diminución na contratación de persoal social, afectando á calidade na atención ás persoas e colectivos en risco de exclusión social na súa totalidade; á falta de interese por habilitar e liberar espazos para ás persoas e familias que se ven forzadas a vivir na rúa; á burocratización excesiva e limitación restritiva nos procesos de solicitude das distintas axudas, así como ás irregularidades nos tempos de adxudicación e cobro das mesmas; á crecente privatización dos servizos sociais e comunitarios ou ó desvío de intereses á hora de definir as contías orzamentarias a cada unha das partidas públicas, evidenciando unha aposta polo clientelismo económico e a salvagarda da grande empresa privada -exemplo disto os 3,7 millóns de euros sen IVE en adornos de nadal que cobrará en catro anos de contratación “Iluminaciones Ximénez-Ilmex” a conta das contribuíntes e as empobrecidas, baixo a escusa dunha suposta tripla recadación gracias á acción consumista da chegada en masa de turistas-.
Alén disto, dita denuncia responde tamén a un modelo de política social que, lonxe de contemplar e atender na súa complexidade a realidade dun proceso de precarización social xeneralizado e apostar por unha verdadeira intervención social de base que garanta a autonomía socio-económica de todas as persoas por dereito, fundamenta a súa acción social nun auxilio asistencial de corte moral limitante, constritivo e dependente de salvoconduto administrativo e solidariedade cidadá.
Un modelo que, na práctica, convértese nun caixón desastre, unha trampa de entrada sen saía da situación extrema na que se atopan moitas persoas e familias carentes de recursos básicos. Un modelo que, á vez, no clima dunha sociedade de vez máis individualizada e abocada á competencia pola supervivencia dentro dun contexto de violencia sistémica, alimenta o odio e o estigma social cara ós colectivos periféricos ou en risco. Por tal motivo, presentámonos hoxe aquí: venres 7 de Decembro de 2018 diante da Oficina Central de Correos de Vigo para, a través destas 6 postais, enviar á Valedora do Pobo (Milagros Otero Parga) e ó Defensor del Pueblo (Francisco Fernández Marugán) a nosa denuncia e reclamarlles que protexan os dereitos básicos que cada día son vulnerados na nosa cidade.
Por unha vida digna de todas e para todas!
Asemblea por un Vigo +Social
7 decembro de 2018
Podedes descargar todas as postais cos seus textos neste enlace > https://mega.nz/#!bf4QRQLa