Presentación e envío colectivo das postais #AlumeandoAMiseria

Dende a Asemblea por un Vigo +Social imos presentar unha tirada de 6.000 postais dentro da campaña #AlumeandoAMiseria.

A presentación das postais da campaña a faremos diante das oficinas centrais de Correos en Vigo, o venres 7 de decembro ás 18:00. Dende alí enviaremos as postais a Milagros Otero (Valedora do Pobo) e a Francisco M. Fernández Marugán (Defensor del Pueblo), acto co que reclamamos a estas dúas figuras que protexan os dereitos básicos que cada día son vulnerados na nosa cidade.

Abordaremos, en seis postais, diferentes problemas sociais que padecemos na cidade e que o goberno municipal intenta agochar coas luces de Nadal. Lanzaremos 1.000 postais de cada un dos seguintes temas:

1- Axudas sociais #VigoComeLuces
2- Sen fogar #VigoDistraeseConLuces
3- Vivenda #VigoDormeBaixoAsLuces
4- Pobreza enerxética #VigoQuentaseConLuces
5- Cultura #VigoSeculoDasLuces
6- Xentrificación #VigoLongaNoiteDeLuces

Logo de facer o envío na caixa de correos, faremos un reparto das postais polo centro da cidade, de cara a animar o debate entre as veciñas sobre a mellor forma de gastar os limitados recursos públicos nunha cidade con moitas necesidades sociais.